
Proxecto de accesibilidade co Museo Etnolóxico de Ribadavia
Alumnado do 2º curso de Atención a persoas en situación de dependencia, acudiu o 16 de marzo, ao Museo Etnolóxico, en Ribadavia, para presentar o resultado do traballo desenvolvido durante este curso escolar. O desafío consistía en mellorar a accesibilidade cognitiva e comunicativa do museo, e concretamente, de dúas das súas exposicións: A olería en Galicia e A pesca fluvial. Para iso, alumnado e profesorado desprazouse até o museo no inicio de curso, para estudar o contexto das exposicións e trazar posíbeis liñas de intervención.
Durante estes 5 meses, acompañadas nalgunha ocasión polas técnicas do museo, no propio CIFP Portovello, desenvolvéronse distintos materiais de apoio á comunicación: en Braille, en pictogramas, en lectura fácil, en imaxes, tanto en formato papel como en soportes tecnolóxicos. O resultado deste traballo avaliouse onte co persoal do Museo, moi sensibilizado coa idea de facer deste recurso, un auténtico espazo cultural accesíbel.
Desde o Departamento de Servizos socioculturais e á comunidade, queremos agradecer a implicación e colaboración do Museo Etnolóxico nos últimos anos, con estes proxectos de aprendizaxe-servizo, que permiten reforzar a formación das futuras técnicas da nosa familia profesional, e, ao mesmo tempo, achegar pequenas melloras á nosa comunidade.
Até o vindeiro curso!