arriba
Luns, 21-Xaneiro-2019

 

 
PortadaseparatorPreguntas frecuentes sobre a acreditación de competencias profesionais


Preguntas frecuentes sobre a acreditación de competencias profesionais

Que é a acreditación da competencia profesional?

É un proceso mediante o cal se outorga unha acreditación oficial, a persoa candidata, previa avaliación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral e vías non formais de formación.

Que é a competencia profesional?

O conxunto de coñecementos e capacidades que permiten o exercicio da actividade profesional conforme ás esixencias da produción e o emprego.

Que é a unidade de competencia?

O agregado mínimo de competencias profesionais, susceptible de recoñecemento e acreditación parcial.

Que é a cualificación profesional?

Un conxunto de unidades de competencia, que son o referente para elaborar as ofertas formativas conducentes a títulos de Formación Profesional e/ou certificados de profesionalidade.

Que é un título de Formación Profesional?

É o documento que se obtén ao superar as ensinanzas dun ciclo formativo da Formación Profesional do Sistema Educativo. Hai títulos de Grado Medio e hai títulos de Grado Superior. Para acceder aos primeiros necesítase estar en posesión do título de Graduado en ESO, ou superar unha proba de acceso, ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Para acceder aos de grado superior é necesario posuír o título de Bacharel, ou superar unha proba de acceso, ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. A diferenza dos Certificados de Profesionalidade, os títulos teñen validez académica e profesional, polo que permiten continuar cara a outros niveis do sistema educativo, xa sexa ao Bacharelato, xa sexa aos estudos universitarios.

Que é un Certificado de Profesionalidade?

Acreditación oficial, outorgada pola administración laboral competente, que acredita a capacitación para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación para o emprego.

En que consiste o procedemento de avaliación e acreditación?

Unha vez que a persoa candidata se inscribe, iníciase propiamente o procedemento, que se desenvolve nas tres fases seguintes:

  • Fase de Asesoramento. Nesta fase un asesor/a acompañará e aconsellará a persoa candidata para preparar a documentación necesaria para a seguinte fase de avaliación.
  • Fase de Avaliación. Nesta fase trátase de demostrar as competencias profesionais para as que se solicite a acreditación. Empregaranse os métodos de avaliación máis apropiados ás características do candidato e en función da unidade de competencia a avaliar.
  • Acreditación da competencia profesional. Nesta fase expedirase unha acreditación de cada unha das unidades de competencia que se superaron.

Quen, cando e como se organizan os procedementos de avaliación e acreditación de competencias profesionais?

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia son as responsables de realizar as convocatorias correspondentes aos procedementos de avaliación e acreditación de competencias profesionais, nelas determínanse as datas, sedes e unidades de competencia susceptibles de ser acreditadas.

Que requisitos son necesarios para participar neste procedemento?

Ter a nacionalidade española, certificado de residente comunitario, a tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia e traballo en España en vigor. Ademais, en función do nivel das unidades de competencia que queiran acreditarse deberán cumprirse os seguintes requisitos:

  • Ter 18 anos cumpridos ao realizar a inscrición si é para unidades de competencia dunha cualificación profesional de nivel I.
  • Ter 20 anos cumpridos ao realizar a inscrición si é para unidades de competencia de cualificacións profesionais de nivel II e III.

Para rematar, ademais do sinalado anteriormente, hase de cumprir un destes dous requisitos:

  • Experiencia laboral (adquirida nos últimos 10 anos) relacionada coas competencias que o candidato queira acreditar de 2 anos (1200 horas mínimas traballadas) para cualificacións de nivel I ou 3 anos (2000 horas mínimas traballadas) para cualificacións de nivel II e III.
  • Formación (realizada nos últimos 10 anos) relacionada coas competencias que o candidato queira acreditar: 200 horas para cualificacións de nivel I e 300 horas para cualificacións de nivel II e III.

No sistema educativo español, as cualificacións de nivel I son as contidas nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI); as de nivel II son as incluídas nos ciclos de Grado Medio de Formación Profesional; e as de nivel III son as propias dos ciclos de Grado Superior de Formación Profesional. As persoas maiores de 25 anos que non puidesen demostrar experiencia ou formación, poderán inscribirse provisionalmente. Estúdase o caso por parte das persoas asesoras designadas para iso que emitirán o correspondente informe sobre a procedencia ou non da participación do candidato.

Que documentos deben presentarse?

Para xustificar a experiencia laboral dentro do sector profesional que estableza a convocatoria:

  • Para traballadores/as asalariados/as: orixinal ou copia compulsada do certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou da mutualidade á que estea afiliada a persoa candidata, onde conste a empresa, a categoría profesional (grupo de cotización) e o período de contratación, así como tamén o orixinal ou a copia compulsada do contrato de traballo ou certificado da empresa onde se adquiriu a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación dos contratos, a actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se realizou dita actividade.
  • Para traballadores/as autónomos/as ou por conta propia: certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente e descrición da actividade desenvolvida e tempo no que se realizou.

Para persoas desempregadas: copia selada da Tarxeta de demandante de emprego. Para voluntarios/as e bolseiros/as: certificado da organización onde se prestou o traballo. Para xustificar a formación relacionada co sector profesional que estableza a convocatoria:

  • Documento que acredite os contidos e as horas da formación relacionada coas competencias profesionais que se queren demostrar.
  • Calquera documentación que se poida aportar para completar e xustificar os coñecementos profesionais.

Antes da avaliación é necesario cursar algún tipo de formación?

Non, con este procedemento avalíanse as competencias profesionais que xa se posúen.

Antes da avaliación, axúdase ao candidato que desexe concorrer ao procedemento?

Si, o procedemento iníciase cunha fase de asesoramento. Esta fase é fundamental polo que todas as persoas candidatas deben pasar por ela. O/A asesor/a, axudará a identificar as competencias profesionais cuxo recoñecemento solicitar.

En que consiste a avaliación?

En esencia, o obxectivo da fase de avaliación é demostrar a competencia profesional relacionada con aquelas unidades de competencia para as que se solicitou o recoñecemento. O primeiro que fai a Comisión de Avaliación é estudar o informe do/a asesor/a, a información profesional e/ou as probas que se aportaron, para contrastalas e decidir:

  • Que competencias profesionais quedan suficientemente xustificadas.
  • Si se necesita aportar información e/ou documentación complementaria.
  • De que competencias profesionais, no seu caso, de necesitan obter novas evidencias de competencia, porque non están suficientemente demostradas.
  • Que métodos de avaliación se aplicarán para obter as novas evidencias de competencia.

O /A avaliador/a comunicará os métodos máis adecuados para comprobar as competencias, tales como:

  • Entrevista profesional.
  • Probas profesionais de competencia.
  • Probas profesionais de competencia.
  • Simulación de situacións profesionais e observación no posto de traballo.
  • Outras probas de diferente natureza segundo o criterio do avaliador/a.

A Comisión de Avaliación, unha vez valorados os resultados do proceso de avaliación, informará sobre:

  • As unidades de competencia que quedaron suficientemente demostradas.
  • As unidades de competencia que non quedaron suficientemente demostradas.
  • As oportunidades para completar a formación e obter a acreditación completa de Títulos de Formación Profesional ou Certificados de Profesionalidade.

Que vantaxes aporta superar este procedemento?

Contribúe ao desenvolvemento persoal e profesional ao permitir ao candidato contar cun documento oficial que acredite as súas competencias profesionais. Permite, ademais, validar algún ou algúns módulos dun título ou dun certificado de profesionalidade, así como completar a formación para a obtención dun título de Formación Profesional ou dun certificado de profesionalidade, o que mellora as oportunidades laborais. Para iso facilitarase a cada candidato toda a información necesaria para poder continuar, si así o desexa, a formación. Por outra banda, a acreditación de competencias facilitará a mobilidade das persoas traballadoras.

Onde se pode obter información sobre este procedemento?

Pódese obter información relativa ao procedemento de avaliación e acreditación de competencias profesionais e sobre as convocatorias abertas nas distintas administracións, a través dos seguintes medios:

Portal web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria:  http://www.edu.xunta.es/fp/acreditacion

Portal da Consellería de Traballo e benestar:  http://traballo.xunta.es/procedemento-de-reconecemento