arriba
Domingo, 8-Setembro-2024

 

 
PortadaseparatorServizos Socioculturais e a ComunidadeseparatorDepartamento de Servizos socioculturais e á comunidade


Departamento de Servizos socioculturais e á comunidade

Historia

No curso académico 2011/2012, como consecuencia da aplicación do Decreto 118/2011, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional, o IES Portovello pasa a converterse nun centro integrado de formación profesional, despois de ter pasado ao longo da súa historia por outras transformacións: creado no curso 1982/1983, como centro de Formación Profesional nº 1 de Ourense (situado no antigo hospital), convértese en Instituto de Secundaria, tras a fusión do IES nº 2 (antigo IFP nº1) co CEIP Lagoas, para no curso académico 2011/2012 pasar a ser Centro Integrado de Formación Profesional.

A implantación da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade no centro prodúcese dous anos antes da fusión, a través da implantación do ciclo de educación infantil, que iniciou a súa andadura nas instalacións do CEIP “AS Lagoas”, onde se habilitaron dúas aulas, con entrada independente á da comunidade educativa do propio CEIP. Despois de permanecer dous anos, nunhas condicións que non eran as máis axeitadas para unhas ensinanzas de formación profesional, produciuse a fusión, e entón decidiuse o traslado dos estudos de CSEI ao edificio do IES nº 2, ocupando as aulas do soto. A partir de este intre foron implantándose pouco a pouco máis ciclos da familia profesional, primeiro o de Integración social, máis tarde o de Atención sociosanitaria (actual ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia) e máis recentemente o de Animación sociocultural e turística.

Coa conversión en Centro integrado de formación profesional a nosa familia profesional, que viña ocupando espazos periféricos no edificio da rúa Luis Trabazos, foi trasladada ás instalacións do antigo CEIP As Lagoas, coñecido na actualidade como Edificio B, que nestes momentos ocupa na súa totalidade.

Oferta do departamento para o curso 2018-2019

A oferta do CIFP Portovello para o curso académico 2018-2019 dentro da Familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade non varía con respecto á impartida o curso pasado. Despois da decisión tomada pola Administración educativa a finais do curso 2014-2015, de eliminar a oferta presencial de adultos desta Familia profesional, na que se impartían o ciclo superior de Educación infantil e o ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia, moi a pesar da opinión e as presións do alumnado, apoiadas por este departamento e polo claustro de profesorado do centro.

O Departamento de Servizos socioculturais e á comunidade manifestou no seu momento, diante da dirección do centro, do claustro de profesorado, da inspección educativa, dos sindicatos e doutras instancias a súa discrepancia coa medida que deixa á nosa provincia nunha situación de desequilibrio con respecto ás demais da Galiza ao impedir que persoas ás que lles é imposíbel ou moi dificultosa, por motivos de diversa índole a súa inserción nas modalidades ordinaria ou a distancia, poidan facer os seus estudos en especialidades especialmente sensíbeis dentro da nosa provincia. A día de hoxe este Departamento segue a opinar o mesmo confiando en que a decisión adoptada sexa reconsiderada de cara ao curso 2019-2020, recuperando os estudos eliminados.

Atendendo ao aprobado pola Consellería de educación, a situación da Familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade no CIFP Portovello quedou do seguinte xeito:

  • Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (CAPSD), que se imparte co currículo LOE. Na modalidade ordinaria estrutúrase en dous cursos académicos con cinco trimestres de formación no centro educativo e un de formación en centros de traballo. Ofértanse asemade estes estudos no réxime das persoas adultas, modalidade a distancia, na que a oferta é modular.
  • Ciclo Superior de Educación Infantil (CEI), que se imparte co currículo LOE. Na modalidade ordinaria estrutúrase en dous cursos académicos con cinco trimestres de formación no centro educativo e un de formación en centros de traballo. Estes estudos son ofertados tamén no réxime das persoas adultas, modalidade a distancia, na que a oferta é modular.
  • Ciclo Superior de Integración Social (CIS), que se imparte co currículo LOE. Na modalidade ordinaria estrutúrase en dous cursos académicos con cinco trimestres de formación no centro educativo e un de formación en centros de traballo. Estes estudos están implantados só no réxime ordinario.
  • Ciclo superior de Animación sociocultural e turística (CAST), que se imparte co currículo LOE. Na modalidade ordinaria estrutúrase en dous cursos académicos con cinco trimestres de formación no centro educativo e un de formación en centros de traballo. Estes estudos están implantados só no réxime ordinario.

Espazos

Todos os Ciclos desta familia profesional estarán albergados no Edificio B, situado na Praza Fernando Fulgosio.

Pódese dicir que o Departamento conta cos espazos axeitados, no que se refire ás súas dimensións para levar a cabo as tarefas de formación do alumnado matriculado na maioría dos diferentes ciclos formativos do mesmo, no momento actual todas as aulas dispoñen como mínimo dun ordenador con conexión a internet e un proxector conectado ao mesmo, en todo o centro se dispón de conexión wifi, polo que en ocasións o profesorado pode levar portátiles ás aulas para uso do alumnado. O feito de que en moitas ocasións a wifi non sexa capaz de dar resposta ás demandas obríganos a traballar para mellorar o seu alcance e cobertura.

As instalacións que ocupan os distintos ciclos da familia profesional son a seguintes:

  • O Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación Dependencia fai uso dun Obradoiro Sociosanitario (Aula Florence Nightingale), un Obradoiro de Apoio Domiciliario (Aula Movemento de vida independente), un obradoiro de Teleasistencia (Aula Eleanor Roosevelt) e unha Aula polivalente (Aula Recaredo Paz).
  • O Ciclo Superior de Educación Infantil, utiliza dous Obradoiros (Aula Emmy Pikler e Aula Francesco Tonucci) e dúas Aulas polivalentes (Aula Loris Malaguzzi e Aula María Barbeito).
  • O Ciclo Superior de Integración Social ten á súa disposición un Obradoiro de Integración Social (Aula Concepción Arenal) e unha Aula polivalente (Aula Luís Vives).
  • O Ciclo Superior de Animación sociocultural e turística conta cunha aula polivalente (Aula María Montessori) e unha aula obradoiro que permite o seu desdobre en dous espazos diferenciados, obradoiro e ximnasio (Aula Suso Jares).
  • Para facer posíbel a atención do alumnado a distancia o centro ten habilitado un espazo compartido, na sala Paulo Freire, dotado con postos de traballo con ordenador e conexión a internet.
  • O departamento da nosa familia profesional dispón dun espazo na sala Paulo Freire.