arriba
Mércores, 24-Abril-2019

 

 
PortadaseparatorDepartamento de Servizos Socioculturais e a ComunidadeseparatorI encontro sobre A educación dende o compromiso co territorio: acheg...


I encontro sobre A educación dende o compromiso co territorio: achegamento á experiencia de Óbidos

Trátase dunha proposta que xorde en substitución dos programados encontros galegos de alumnado e profesorado do ciclo de educación infantil. Despois de que profesorado do departamento tivese coñecemento, contactara e visitase Óbidos para coñecer de primeira man a singular experiencia socioeducativa na que, desde o servizo de educación da Cámara municipal de Óbidos, se ten optado por asumir a súa responsabilidade e implicarse activamente na vida dos centros educativos públicos, dotándoos de recursos persoais e dotacionais para facer posíbel unha outra educación nas súas escolas. Froito da complicidade e dos lazos que se foron tecendo ao longo dos últimos tempos, xurdiu a posibilidade de organizar as I Xornadas sobre a educación desde o compromiso co territorio, dedicadas a presentar na nosa cidade, provincia e comunidade a experiencia de Óbidos.

Por que Óbidos para abrir o ciclo de encontros sobre A educación dende o compromiso co territorio? 

As inspiracións do Reggio Emilia approach no seu momento (2010-2013, no marco do programa europeo Comenius) supuxeron para a posta en funcionamento do proxecto das escolas d´Óbidos un salto cualitativo no seu convencemento de estaren no firme camiño da transformación educativa, entendida como eixe vertebrador da mellora nas relacións coa comunidade. Pouco tempo despois (curso 2016-2017) encontrámonos unhas escolas do territorio que procuran identificarse cos trazos identitarios de Óbidos (auga, terra e persoas) nun proceso de simbiose coa vangarda científica e tecnolóxica do noso tempo. A presencia dos ateliés creativos no Jardim de Infáncia (visitamos o Arelho) e no Complexo Escolar (visitamos Arcos e Furadouro) é fonte de inspiración para a experimentación e o descubrimento dos nenos e nenas. Cada atelierista constrúe a dinámica de cada un dos espazos, na paisaxe e nas relacións, imprimíndolle unha idiosincrasia propia e particular. É o Óbidos Criativa, que nas palabras do João Jorge (atelierista nos Arcos) traballan co obxectivo de conseguiren que os nenos e nenas sexan, algún dia, persoas con capacidade de análise e crítica con todo canto aconteza no seu entorno. O equipo de traballo do servizo de educación trascende o espazo e dinámica das escolas, entendendo estas como parte da vida local: cultural, artística, agraria e científica.

A liberdade é innegociable neste contexto. A organización dos espazos nos centros escolares así está imaxinado, inmenso e acolledor, de ideas e emocións, para tempos de calma e aprendizaxe. O acordo coa administración educativa para o deseño dun currículo diferenciado nas escolas d´Óbidos unifica as dúas escolas, municipal e estatal, no marco do plan estratéxico educativo municipal 2016-2020. O profesor Valdemiro Rodrigues (Universidade católica do Porto), consultor do equipo, xustificounos a idea das escolas do territorio de Óbidos que poidan convivir con contidos e criterios académicos universais (curriculares).

A dimensión do proxecto levou a Ana Sofia Godinho compartir experiencia co Proxecto Zero da Universidade de Harvard, que visitará as Óbidos no mes de abril do 2017.
É incuestionábel que o achegamento á experiencia socioeducativa que se está a vivir en Óbidos permítenos acreditar que outra educación pública é posíbel, comprometida e sensíbel coa infancia, respectuosa co mundo e compartida entre o conxunto da comunidade educativa.

Na organización do Encontro, ademais do noso departamento, implicouse a Facultade de educación da Universidade de Vigo, contando cunha axuda económica da Deputación provincial que fixo posíbel o desprazamento e aloxamento das persoas que viaxaron desde Óbidos e nos acompañaron durante os dous días que duraron os encontros.Organización do evento 

Desde o noso centro, á participación activa dun amplo grupo de profesorado do departamento de servizos socioculturais e á comunidade, sumáronse as das coordinacións de innovación e formación do profesorado, programas internacionais, biblioteca e a equipa de dinamización da lingua galega que, xunto cun nutrido grupo de alumnado dos ciclos de Educación infantil e Animación sociocultural e turística, fixeron posíbel a organización e desenvolvemento do evento.

As xornadas desenvolvéronse os días 30 e 31 de marzo en dúas localizacións, unha no salón de actos María Curie (UVigo), na que tiveron lugar as actividades de carácter máis teórico, e outra nas aulas Francesco Tonucci e Suso Jares (CIFP Portovello) nas que, ao mesmo tempo que no patio se podía participar nunha mostra de Xogo popular e tradicional, se desenvolveron os ateliers, de carácter moito máis práctico e con participación limitada.

I encontros

Resultados 

A experiencia vivida é valorada desde o departamento dun xeito altamente satisfactorio tanto polo éxito que supuxo no referente á asistencia, tanto de alumnado e profesorado do noso centro como por parte de profesorado da nosa familia profesional doutros puntos de Galicia que nos acompañaron durante os dous días do evento e que mesmo, nalgún caso, estiveron acompañad@s por unha representación do seu alumnado. Non se pode facer unha valoración tan positiva da capacidade de chegar a persoal técnico dos concellos da provincia ou a profesorado da universidade.

Unha mención especial merece a implicación das persoas da nosa comunidade educativa, profesorado e alumnado, que se sumou á comisión organizadora facendo posíbel que o encontro fora un éxito.

Entre outros aspectos positivos destácase a posibilidade de organizar un evento destas características de xeito cooperativo coa Facultade de Ciencias da educación ou o feito de ter contado coa colaboración da Deputación provincial que, máis aló de contribuír economicamente, posibilitando o desprazamento das persoas de Óbidos, favoreceu a repercusión mediática do encontro.

A participación da UVigo, ademais de permitírmonos ter aceso ás instalacións do Salón de Actos Marie Curie, permitiunos emitir o evento en streaming, quedando os documentos audiovisuais albergados no servidor da mesma (Enlace aos vídeos).

Dosier de prensa

Álbum de fotos do I Encontro

Vídeos do Encontro