arriba
Venres, 26-Abril-2019

 

 
PortadaseparatorDepartamento de Servizos Socioculturais e a ComunidadeseparatorII encontro sobre A educación dende o compromiso co territorio: Ache...


II encontro sobre A educación dende o compromiso co territorio: Achegamento a experiencias de desenvolvemento rural

Na organización do Encontro, ademais de profesorado e alumnado do noso departamento, coordinados pola compañeira Soraya Mangana, implicouse a Facultade de Educación da Universidade de Vigo, contando co apoio da Deputación provincial que fixo posíbel o desprazamento e aloxamento da persoa que viaxou desde Vallbona de les Monges (Lleida) para achegarnos a experiencia do CDR Cooperativa L’Olivera.

A xornada desenvolveuse o día 12 de abril no salón de actos María Curie (UVigo).

Por que o achegamento a experiencias de desenvolvemento rural nesta edición dos encontros? 

A xustificación da temática elixida para os Encontros deste ano xustifícase nas seguintes reflexións, emanadas da comisión organizadora.

O despoboamento das zonas rurais, que afecta a unha ampla diversidade de territorios, é posiblemente unha das maiores preocupacións dos diferentes profesionais (educadores, técnicos municipais, axentes sociais…) que traballan nestes lugares. O noso compromiso coas persoas e cos procesos educativos, entendidos estes como: “mais que adquirir de maneira exacta, coñecementos definitivos, prepararse para elaborar, ao longo de toda a vida, un saber en constante evolución, e de ‘aprender a ser” en Aprender a Ser”. (La educación del futuro, de Edgar Faure, 1972), polo que os diferentes recursos que a comunidade dispoña tanto para a atención dos servizos básicos dos seus habitantes como para o recoñecemento dos seus valores culturais (patrimoniais, simbólicos…) contribuirán a unha mellora na educación das persoas, independentemente das súas características, e, polo tanto, a unha mellora na súa calidade de vida. O desenvolvemento local pasa por iniciativas públicas ou privadas, pero de utilidade colectiva, no que “a busca de solucións e as decisións parten de abaixo-arriba (...) implicando aos axentes locais (...), e no que prime a innovación, a organización en rede e a cooperación transnacional”, como de feito establece o Ministerio de Agricultura para o Programa LEADER+. En definitiva, onde os protagonistas, quen identifiquen as necesidades, quen coñeza os recursos dispoñibles e quen trace o camiño a percorrer sexa a propia veciñanza, sexan os homes e mulleres que aínda viven nas zona rurais.

Entendemos o desenvolvemento comunitario local como a edificación dun novo humanismo, onde economía, educación, cultura e organización social regresen a un estado de sostibilidade e xustiza social, fondamente comprometido coa procura de melloras nas condicións de vida da poboación rural e do medio que esta habita, e onde a responsabilidade sexa compartida por tod@s. Para esta construción “son indicados catro piares: aprender a coñecer, entendendo que o proceso de aprendizaxe nunca está acabado; aprender a facer, no que as competencias persoais se estendan mais alá dunha profesión; aprender a ser, centrado na autonomía e responsabilidade individual e colectiva; e, por último, aprender a vivir xuntos, cun espirito para a realización de proxectos compartidos” (en La educación encierra un tesoro, de Jacque Delors, 1996).

Por ilo, o encontro para este 2018 de “Educación e Compromiso co Territorio” centrou a súa atención en diferentes experiencias de desenvolvemento comunitario rural, tanto de iniciativa privada como pública, que teñen unha traxectoria e un significado especial para as persoas das comunidades nas que naceron e nas que teñen a súa razón de ser. A través do mesmo tivemos a oportunidade de analizar os factores que interveñen na calidade de vida das persoas que permiten a súa existencia, integrando os elementos que propician a súa tranquilidade e satisfacción, ao tempo que nos achegamos a experiencias que traballan desde o compromiso co seu territorio, implicándose con todos os colectivos de poboación (infancia, xuventude, homes, mulleres, maiores, inmigrantes, persoas con diversidade e/ou en situación de exclusión social, ...), prestando especial atención aos máis vulnerábeis, e abarcando diferentes niveis de intervención (social, económico, medioambiental, cultural, formativo…). Achegándonos de primeira man, en definitiva, a proxectos que buscan a sostibilidade, desde un equilibrio soportábel, viábel e equitativo dos niveis ambiental, económico e social que satisfaga as necesidades da poboación, sen comprometer as necesidades de futuras xeracións. Experiencias e proxectos solidarios e participativos que contribúen a promover a concienciación sobre o estado e as necesidades do mundo rural.

II Encontros

Experiencias analizadas 

  • O Centro de Desenvolvemento Rural “O Viso” xurdido no ano 1990, coa máxima de que “O que é necesario é posible e ademais realizable”. Actualmente centran os seus esforzos en dar resposta ás necesidades da comunidade prestando servizos de proximidade, difentes accións formativas e de educación- familiar e na acción voluntaria.

  • O CDR Portas Abertas, xurdido en 1990 no Concello de Vilardevós para por en marcha un proceso de Desenvolvemento Rural na Comarca de Verín levando a cabo un programa Integral de desenvolvemento do medio rural, tendo como principios que guían as súas actuacións: a integralidade, a proximidade, a prevención, a transversalidade e a transparencia.

  • O CDR Ancares configúrase coma un proxecto integral, que abrangue aspectos sociais, económicos, educativos, etc. e ao mesmo tempo integrado, é dicir, que xorde da comunidade. Ademais da promoción de actividades xeradoras de riqueza económica, apoian programas con mulleres, coa infancia e, en colaboración con Cáritas, as axudas ao asentamento, dirixidas ás persoas maiores.

  • O CDR Euro Eume, constituído legalmente no ano 1996, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento integral e local dos concellos de Cabanas, A Capela, Moeche, Monfero, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Vilarmaior. Propón un modelo de aproveitamento respectuoso dos recursos propios da comarca, creando espazos de encontro entre as entidades e persoas, potenciando accións e sinerxías entre as diferentes asociacións e concellos que a conforman.

  • O CDR L’Olivera nace no ano 1974 en Vallbona de les Monges, na Cataluña rural. Configúrase como unha cooperativa de integración social que incorpora a persoas con dificultades, que participan activamente no cultivo de viñas e olivos e na elaboración de viños e aceites. A cooperativa ten como eixo principal a acción social, promovendo iniciativas para a integración social e laboral de persoas con discapacidade ou risco de exclusión social no mundo rural.
  • Tamén estivo presente nos Encontros unha representación da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural que, a través dunha mesa redonda, nos achegou á problemática que están a vivir os centros educativos do rural.

Resultados

A experiencia vivida é valorada desde o departamento dun xeito altamente satisfactorio tanto polo éxito que supuxo no referente á asistencia, tanto de alumnado e profesorado do noso centro como por parte de profesorado da nosa familia profesional doutros puntos de Galicia que nos acompañaron, sendo especialmente destacada a resposta de profesionais de entidades do terceiro sector vencelladas aos nosos estudos.

Unha mención especial merece a implicación das persoas da nosa comunidade educativa, profesorado e alumnado, que se sumou á comisión organizadora facendo posíbel que o encontro fora un éxito.

Entre outros aspectos positivos destácase a posibilidade de darlle continuidade á organización dun evento destas características de xeito cooperativo coa Facultade de Ciencias da Educación.

A participación da UVigo, ademais de permitírmonnos ter aceso ás instalacións do Salón de Actos Marie Curie, permitiunos emitir o evento en streaming, quedando os documentos audiovisuais albergados no servidor da mesma (Enlace aos vídeos).

O encocontro  nos medios 

22/03/2018: Jornada sobre la educación en el medio rural (Campo Galego)

26/03/2018: O que o ensino pode facer polo desenvolvemento do rural (duvi. Diario da Universidade de Vigo)

Álbum de fotos do Encontro

Vídeos do Encontro