arriba
Martes, 23-Xullo-2019

 

 


Escola no río 2017-2018

Este foi o segundo curso no que o CIFP Portovello participa no Proxecto Ríos, centrando a participación no profesorado e alumnado da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.

O noso principal obxectivo foi achegar ás futuras educador@s infantís, animador@s socioculturais, integrador@s sociais e tecnic@s de atención a persoas en situación de dependencia, a unha nova dimensión da educación ambiental a través dos espazos fluviais.

Para acadar ese obxectivo xeral, na liña do traballado no curso anterior, propuxémonos promover actividades de investigación-acción, coñecendo e actuando sobre o patrimonio natural e difundindo os seus valores ao tempo que adaptamos as nosas propostas de intervención ás características das persoas ou colectivos destinatarias da mesma.

Continuamos asemade coas investigacións que nos van permitindo coñecer a evolución do estado do río Lonia, achegándonos ás posibilidades socioeducativas que teñen de por si os ecosistemas fluviais.

Mantivemos unha liña de traballo transversal, tanto entre os diversos ciclos formativos que se imparten no centro, como con outros centros de distintas etapas educativas, ao fortalecer a canle de colaboración co CPI Mosteiro-Meis e coa Escola Infantil CRA de Meis, cos que seguimos a traballar aproveitando o enriquecemento mutuo que nos brinda a coordinación, ao tempo que nos permite testar as propostas didácticas e de materiais educativos que xordan do noso traballo co alumnado do noso centro.

Entendemos a coordinación de propostas de traballo entre as etapas educativas de Educación infantil, Educación primaria, Educación secundaria e Formación profesional, codo un reto para nós e ao mesmo tempo un proceso enriquecedor para todas as persoas que nel participamos.

Como novidades este curso abrimos unha nova liña de coordinación con entidades locais do terceiro sector vencelladas á atención á diversidade, concretamente coa Asociación Autismo Ourense, coas que compartir propostas, espazo e tempos coa nosa particular escola no río como elemento dinamizador.

Asemade, colaboramos coa asociación Sustinea integrándonos na súa campaña "Adopta unha árbore". Nesta campaña concretamos a adopción colectiva dun conxunto de árbores na ribeira do río Lonia, de forma que adopción poida irse transmitindo entre as diferentes promocións ano tras ano de xeito que o alumnado e profesorado vaian deixando testemuña das accións realizadas e da evolución das árbores da zona, procurando na adopción a ferramenta que promova a sensibilización polo coidado ambiental e a responsabilidade individual e social sobre o mesmo.

Grazas a un ofrecemento de ADEGA tivemos a ocasión de traer ao noso centro unha exposición sobre especies invasoras que contribuíu a sensibilizar á nosa comunidade educativa sobre unha cuestión que afecta á supervivencia dos nosos ecosistemas tal e como os coñecemos até o de agora. 

As experiencias vividas leváronnos a buscar inspiración nas escolas do bosque, na procura dunha educación na que o aire, a luz natural e o contacto directo coa natureza propician contextos de experimentación e aprendizaxe accesíbeis e tristemente innovadores nunha escola que se pechou dentro dos edificios, en ambientes nos que prima a artificialidade, os libros de texto, as aprendizaxes descontextualizadas e memorísticas, ... E así, durante estes meses, profesorado e alumnado, bebemos tamén de experiencias como a corrente educativa das Open Air Schools que, a principios do século XX, presentou unha alternativa á concepción clásica dos edificios e das prácticas escolares e doutras máis directamente ligadas á aprendizaxe en contextos naturais como a Escola del bosc de Montjuic, promovida polo Concello de Barcelona en 1914, dirixida en primeira instancia por Rosa Sensat. Experiencias revitalizadas nos últimos anos pola influencia de proxectos que están a desenvolverse en países do centro e do norte de Europa e comezan a agromar na nosa contorna máis próxima.

As posibilidades metodolóxicas desta aposta por saltar os muros da escola fixéronse evidentes, conectándonos coas propostas da escola activa, propiciando que o alumnado asumise a posición privilexiada que lle corresponde, facilitando a adaptación do proceso ás súas características e potencialidades, desde o contacto directo con distintas formas de vida, a natureza e o traballo humano. Todo isto mediante unha educación integral que cultiva e fai crecer todos os aspectos da personalidade das persoas que participamos da mesma: sensoriais, cognitivos, emocionais, sociais, físicos, artísticos, manuais e morais, en contacto directo coa natureza.

A experiencia vivida permítenos acreditar que unha aprendizaxe na natureza promove a observación e a recollida de datos, a experimentación, a posterior recapitulación e síntese e a comunicación dos procesos vividos en calquera das múltiples linguaxes que os seres humanos atesouramos.

O método de traballo foi semellante nos diferentes grupos participantes (dous de 1º do CS de educación infantil, un de 1º do CS de Animación sociocultural e turística, un do CS de Integración social e un do CM de Atención a persoas en situación de dependencia) coas adaptacións precisas en cada caso, incorporando as reflexións e propostas aos colectivos cos que profesionalmente van desenvolver o seu traballo unha vez que rematen a súa formación.

A intervención concibiuse desde o enfoque da aprendizaxe baseada en proxectos (ABP), de xeito que as programacións de distintos módulos formativos se van adaptando ao proxecto, intentando dotar as aprendizaxes de significatividade e sentido, ao servir a un fin concreto que se vai operativizar nunha proposta.

Por outra banda, o conxunto de experiencias que estamos a vivir permitiunos incluír no día a día das nosas aulas prácticas de aprendizaxe-servizo, xa que a carón do noso proxecto identificamos situacións susceptíbeis de mellora e comprometémonos coas mesmas, desenvolvendo un proxecto solidario que pon en xogo coñecementos, habilidades, actitudes e valores.

Desenvolvemento do proceso 

  • Xuntanzas do equipo de profesorado implicado no proxecto para definir as propostas e albiscar as posibilidades que se abrían para cada un dos grupos participantes.
  • Encontro co profesorado do CRA de Meis e do CPI Mosteiro Meis. Unha tarefa pendente do proxecto do ano pasado era o testeo das propostas desenvolvidas para o ámbito educativo con alumnado en situacións reais. Esa foi unha das razóns que nos levara a entender o noso proxecto dun xeito transversal incluíndo centros de etapas educativas diferentes (FP, Educación secundaria, Educación primaria e Educación infantil). Por motivos de organización temporal o curso pasado foi imposíbel desenvolver a fase de testeo polo que unha das primeiras accións deste curso foi manter un encontro entre profesorado dos tres centros afectados polo proxecto para valorar as posibilidades e viabilidade da proposta. Encontrámonos en Meis, xurdindo a desde o primeiro momento, valoramos as propostas do blog, coñecemos os espazos da súa posíbel Escola no río e quedou selada a posibilidade dun encontro.
  • Presentación do proxecto nas aulas a cada un dos grupos. Realizada polo profesorado de referencia en cada un dos grupos. Nun bo número de casos contou coa colabo raciónde alumnado que participara no proxecto o curso anterior.
  • Contactos con Autismo Ourense para estudar vías de colaboración. Unha das innovacións do proxecto deste ano, moi ligada á incorporación de alumnado do CS de Integración social, era a posible colaboración con algunha entidade que desenvolvese a súa intervención cun colectivo relacionado coa atención á diversidade. Foi así como xurdiu a idea de contactar con Autismo Ourense. Os primeiros contactos telefónicos foron seguidos por unha xuntanza na que profesionais da entidade e profesorado do CIFP Portovello valoraron positivamente a posibilidade e déronlle luz verde para comezar a facela efectiva.
  • Análise da relación da natureza cos nosos ámbitos profesionais (educación infantil, animación sociocultural e atención a persoas dependentes). Levada a cabo en cada un dos grupos participantes no proxecto.
  • Aproximación á contorna do río Lonia (1ª saída de traballo), oportunidade para experimentar sensacións, explorar posibilidades, conectar coa natureza e comezar a establecer lazos co río e o bosque que o circunda. Nalgunhas destas saídas participou o alumnado que tivo un papel activo no proxecto o curso pasado, asumindo o papel de compartir as posibilidades atopadas e as vías de mellora. Aproveitamos a saída para realizar tarefas de recollida de lixo ao tempo que traballamos o necesario respecto polo contorno natural que nos vai acoller ao longo dos vindeiros meses, procurando analizar o control do impacto que un grupo numeroso de persoas pode ter sobre o medio natural. As primeiras saídas realizáronse a principios de outubro.
  • Visita ás instalacións da Asociación Autismo Ourense, por parte do alumnado e profesorado do CS de Integración social. Como consecuencia da colaboración xa relatada organizouse unha xornada formativa a cargo de profesionais de Autismo Ourense, na que o alumnado de Integración social tivo ocasión de coñecer as instalacións, equipamentos e metodoloxías de traballo da mesma, xunto cunha introdución teórica ao TEA.
  • Encontro de alumnado do CS de Educación infantil con alumnado e educación infantil e primaria do CRA de Meis e do CPI Mosteiro-Meis. No mes de outubro, froito da xuntanza mantida a principios de curso, alumnado participante no proxecto do curso pasado desprazouse a Meis co obxecto de testear as propostas desenvolvidas para desenvolver a carón do río. A actividade desenvolveuse ao mesmo tempo en diferentes grupos, aproveitando ríos ou regatos próximos a cada escola. Un grupo desenvolveu as súas propostas con alumnado do primeiro ciclo de primaria do CPI, tamén se integrou na experiencia o grupo de Diversificación curricular, ao que se lles presentaron as particularidades dos estudos de FP e, máis en concreto, do CS de Educación infantil. A xornada foi valorada dun xeito moi positivo polo alumnado e profesorado dos tres centros participantes.
  • Traballos de aula tentando determinar posibilidades e albiscar propostas. É o momento de documentarse e debater sobre as relacións e posibilidades dunha cunca fluvial a respecto do noso traballo profesional. Cada grupo comeza a definir o seu plan de acción particular, segundo o establecido no proxecto inicial.
  • Estudo da zona asignada ao centro para a nosa intervención no Rroxecto ríos. Se ben as primeiras saídas non se circunscribiron ao tramo concreto de río no que nós desenvolvemos a intención como centro, senón aos espazos máis próximos ao noso edificio, neste caso remontamos o río até chegar á zona que imos inspeccionar. Durante o traxecto realízanse paradas para comentar as nosas observacións buscando conexións cos obxectivos do proxecto: tipo e cantidade de lixo que imos recollendo, impactos que detectamos, recursos patrimoniais, biodiversidade... Unha vez na nosa zona de acción tomamos contacto coa mesma e comezamos a coñecela.
  • Desenvolvemento de propostas de intervención adaptadas ao ámbito profesional. Cada un dos grupos traballa no desenvolvemento de diferentes propostas, conectando coas competencias profesionais dos módulos que están cursando. As diferentes propostas pasan polas seguintes fases: investigación, fundamentación, deseño e exposición.
  • Participación na campaña "Adopta unha árbore" promovida pola Asociación Sustinea. A pesar de que a campaña estaba orixinalmente pensada para realizar adopcións individuais de árbores concretas próximas ao domicilio, centro educativo ou de traballo da persoa adoptante, dadas a tipoloxía do noso centro no que a maior parte do alumnado non é da zona e o feito de estar embarcados no proxecto Escola no río, fixemos unha proposta de adopción colectiva, no que unha promoción adopta un conxunto de árbores e logo pasa as responsabilidades emparelladas coa adopción á promoción seguinte. A proposta foi aceptada e as árbores escollidas son as do bosque de ribeira que se atopa na desembocadura do Lonia, onde situamos a maior parte das nosas propostas da Escola no río. Na actividade participou unha representación de cada grupo que logo transmitiu a información ao resto das súas compañeiras e compañeiros. Para o desenvolvemento da actividade contamos co asesoramento e participación de Inma de Sustinea.
  • Exposición sobre especies invasoras. Grazas a unha oferta de ADEGA puidemos contar no centro cunha interesante exposición sobre Especies invasoras que permitiu achegar á comunidade educativa un dos problemas máis importantes aos que se enfrontan os nosos ecosistemas naturais. Un dos días tivemos a ocasión de contar con Ramsés de ADEGA como guía da exposición.
  • Saída formativa para coñecer máis polo miúdo as particularidades do Proxecto ríos e as características da inspección do río e da conservación dos ecosistemas fluviais. Acompañados por Ramsés, de ADEGA, unha representación dos diferentes grupos participou nunha produtiva saída formativa na que tivemos a ocasión de responder dúbidas e aprender sobre como realizar a inspección do río.
  • Saída de inspección. Para o estudo do estado de conservación das beiras do río Lonia analizouse a conservación dos distintos estratos da vexetación (herbáceo, arbustivo e arbóreo) así como a presenza de obxectos ou actuacións humanas que perturben o curso fluvial natural. Previamente visionáronse e familiarizámonos en clase coas fichas en cor proporcionadas por ADEGA, que posteriormente foron utilizadas durante a inspección, e visualizáronse vídeos explicativos do proxecto.
  • Saída de convivencia de profesorado e alumnado do CIFP Portovello con profesionais e persoas usuarias de Autismo Ourense. Como colofón da colaboración establecida ao longo do curso realizouse un convivio entre alumnado do noso centro e persoas con TEA. O encontro desenvolveuse na ribeira do Loña e consistiu nun momento de merenda, un rastreo de elementos presentes a carón do río e paseo conxunto até a ponte romana. A xornada resultou moi gratificante para todas as persoas participanes que puidemos comprobar como a contorna natural facilita os procesos de adaptación e relación con persoas con TEA. O alumnado do centro puido asemade observar as pautas de relación entre profesionais e persoas usuarias.
  • Entrega e exposición pública das propostas de traballo dos diferentes grupos.
  • Edición de marcapáxinas conmemorativo do Día mundial do medio ambiente. Co gallo da conmemoración do Día mundial do medio ambiente os tres centros irmanados por este proxecto editamos un marcapáxinas conmemorativo.
  • Participación no acto de inauguración das instalacións da Escola do río en Porta Pisón (Meis). Profesorado do CIFP Portovello participou no encontro entre profesorado do CRA de Meis, CPI Mosteiro-Meis, representanción da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Nogueira, representación do concello de Meis e representación de ADEGA para formalizar o convenio de colaboración para a creación dun Aula de educación ambiental no entorno de Porta Pisón: A escola do río.
  • Actualización da web (Os ollos do Lonia) na que se comparte a experiencia.

Memoria gráfica