arriba
Martes, 23-Xullo-2019

 

 


Proxecto ríos 2016-2017

A educación non pode ser entendida como característica dunha etapa da vida das persoas, senón como unha necesidade que nos acompaña ao longo de todo o noso proceso vital. Asemade, a educación non debería asociarse exclusivamente a contextos institucionais definidos, como as escolas, institutos, universidades..., explorando as posibilidades educativas de outros contextos que presentan potencialidades evidentes, favorecendo tanto a motivación como a posibilidade de realizar dun xeito máis doado e natural aprendizaxes significativas. Neste senso acreditamos que a aprendizaxe na natureza, en contextos museísticos, nas bibliotecas ou na rúa, entre outras, son posibilidades que deberían estar máis presentes e consolidadas nas pedagoxías do século XXI.

Consonte co obxectivo principal do proxecto, ao longo deste curso, conseguiuse aproximar ao profesorado e alumnado participante a unha nova dimensión da educación, promovendo actividades de investigación-acción, coñecendo e actuando sobre o patrimonio natural e difundindo os seus valores.

As distintas saídas realizadas ao longo do curso fóronnos achegando a unha realidade próxima ao centro, mais descoñecida para una boa parte da comunidade educativa, como é a do ecosistema fluvial do Lonia nas proximidades da súa desembocadura, permitíndonos experimentar novas formas de aprender, nas que acreditamos o valor da exploración, poñendo en valor os nosos sentidos, ou da experimentación como elementos claves nos procesos de aprendizaxe. As postas en común realizadas tanto no propio río, durante as saídas, como ao regreso das mesmas, serviron de base para cuestionármonos a pertinencia e incluso validez dalgúns dos métodos que moitas veces utilizamos nas aulas.

As experiencias vividas leváronnos a buscar inspiración nas escolas do bosque, na procura dunha educación na que o aire, a luz natural e o contacto directo coa natureza propician contextos de experimentación e aprendizaxe accesíbeis e tristemente innovadores nunha escola que se pechou dentro dos edificios, en ambientes nos que prima a artificialidade, os libros de texto, as aprendizaxes descontextualizadas e memorísticas, ... E así, durante estes meses, profesorado e alumnado, bebemos tamén de experiencias como a corrente educativa das Open Air Schools que, a principios do século XX, presentou unha alternativa á conce pción clásica dos edificios e das prácticas escolares e doutras máis directamente ligadas á aprendizaxe en contextos naturais como a Escola del bosc de Montjuic, promovida polo Concello de Barcelona en 1914, dirixida en primeira instancia por Rosa Sensat, a Escola del Mar da Barceloneta, a Escola do Parque do Guinardó ... Experiencias revitalizadas nos últimos anos pola influencia de proxectos que se están a desenvolver en países do centro e do norte de Europa e que comezan a agromar na nosa contorna máis próxima.

As posibilidades metodolóxicas desta aposta por saltar os muros da escola fixéronse evidentes, conectándonos directamente coas propostas da escola activa, propiciando que o alumnado asumise a posición privilexiada que lle corresponde e facilitando a adaptación do proceso ás súas características e potencialidades, desde o contacto directo con distintas formas de vida, a natureza e o traballo humano. Todo isto mediante unha educación integral que cultiva e fai crecer todos os aspectos da personalidade das persoas que participamos da mesma: sensoriais, cognitivos, emocionais, sociais, físicos, artísticos, manuais e morais, en contacto directo coa natureza.

A experiencia vivida permítenos acreditar que unha aprendizaxe na natureza promove a observación e a recollida de datos, a experimentación, a posterior recapitulación e síntese e a comunicación dos procesos vividos en calquera das múltiples linguaxes que os seres humanos atesouramos. En suma, unha educación que conecta coa vida das persoas e da contorna na que estas habitan.