arriba
Mércores, 11-Decembro-2019

 

 
PortadaseparatorServizos Socioculturais e a ComunidadeseparatorIII encontro da educación dende o compromiso co territorio. Achegame...


III encontro da educación dende o compromiso co territorio. Achegamento a Pontevedra: modelo de cidade educadora

O Encontrosde educación dende o compromiso co territorio chegan neste ano 2019 á súa terceira edición centrándose, desta volta, na análise da experiencia de transformación dunha cidade que está a pór o benestar das persoas como un elemento central da súa axenda.
Na organización do Encontro, ademais de profesorado e alumnado do noso departamento, implicouse a Facultade de Educación da Universidade de Vigo, contando co apoio do concello de Pontevedra, a Deputación provincial de Ourense, o vicerreitorado do Campus de Ourense, o Liceo de Ourense, e o CIFP A Xunqueira de Pontevedra.

Os Encontros deste ano teñen unha estrutura diferente á de edicións anteriores pois desenvólvense en tres días diferentes:

  • Unha primeira sesión, nomeada como Antesala dos Encontros, permitiunos ter un coloquio con Jaume Trilla a partir da súa última obra: “La moda reaccionaria en educación”. Celebrouse o día 28 de marzo ás 12:00 horas, no Liceo de Ourense con entrada libre.
  • A segunda sesión, Encontro en Ourense, celebrouse o día 4 de abril pola mañá, na Aula Marie Curie (Edificio Politécnico da UVigo en Ourense), brindándonos a oportunidade de coñecer de primeira man as particularidades do proxecto de cidade de Pontevedra, primeiro da man do seu alcalde e principal promotor do mesmo, Miguel Anxo Fernández Lores e, nun segundo momento, a través dunha mesa redonda na que estiveron presentes distintas entidades e movementos sociais da cidade que farán unha análise desde a súa particular perspectiva.
  • Finalmente, nun terceiro momento que bautizamos como Encontro en Pontevedra, unhas 200 persoas inscritas que participaron na sesión do día 4 e tiñan dispoñibilidade puideron desprazarse a Pontevedra para vivenciar in situ a transformación da cidade. Foi o día 8 de abril pola mañá, saíndo de Ourense ás 8:30 h. e regresando ás 16:00 h. En Pontevedra realizouse un roteiro guiado por representantes municipais para coñecer diferentes aspectos do proxecto e, posteriormente, visitamos o Salón do Libro.

Por que o achegamento a Pontevedra nesta edición dos encontros?

A xustificación da temática elixida para o Encontro deste ano xustifícase nas seguintes reflexións, emanadas da comisión organizadora.
Despois de ter comezando os Encontros coa análise da experiencia dunha vila portuguesa e continuado con expriencias de desenvolvemento rural, pensabamos que este era un ano acaído para achegármonos a unha cidade.
Pontevedra é unha cidade que sufriu unha grande transformación nos últimos vinte anos, conseguindo múltiples recoñecementos e acreditando que o cambio é posíbel. Quizais aínda quede moito percorrido por facer, mais o que é innegable é que a cidade mudou facéndose máis amable e acolledora, gañando espazos para as persoas e incorporando medidas que demostran que o tráfico rodado pode ser contido sen que a cidade se resinta nen económica, nen socialmente.
Algúns recoñecementos ao proxecto de cidade de Pontevedra:

  • 2007. Premio Cermi no apartado de Mellora Acción Autonómica pola súa intención e acción continuadas de “converter a cidade nun espazo accesíbel, aberto e libre para todas as persoas”.
  • 2008. Premio Nacional da Cultura Galega, pola transformación urbana e o respecto e posta en valor do patrimonio histórico e arquitectónico.
  • 2010. Premio Fesvial, promovido pola Fundación Fesvial de Seguridade Viaria, como recoñecemento ás baixas cifras de sinistralidade rexistradas na cidade de Pontevedra.
  • 2011. Premio Mobilidade Segura do II Encontro de cidades pola seguridade viaria, promovido pola DGT, as entidades de tráfico de Cataluña e Euskadi e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), en recoñecemento da mobilidade sostíbel e a redución dos sinistros viarios na capital.
  • 2013. Declaración como Cidade Amiga dos Nenos, realizada pola organización independente Meniños, por poñer á poboación infantil no centro das políticas urbanas.
  • 2013. Incorporación á rede internacional de “Cidades dos nenos” impulsada por Francesco Tonucci.
  • 2013. Premio Intermodes (concedido por un organismo directamente vencellado á Unión Europea), en recoñecemento á política de transporte intermodal baseada na mobilidade peonil.
  • 2014. Premio ONU-Hábitat, auspiciado pola ONU, recoñecendo as boas prácticas en materia de mobilidade e accesibilidade,
  • 2015. Premio da Rede de Cidades que camiñan.
  • 2015 -2016. Premio Euro-China á mobilidade intelixente, outorgado pola Fondation Prospective et Inovation (francesa), para distinguir iniciativas urbanas de mobilidade intelixente. O premio corresponde á categoría de Deseño Urbano / Planificación Urbana, centrada nas experiencias de novas cidades, eco-distritos e zonas de baixas emisións contaminantes.
  • 2017. World Slowness Forum and Slowness & Awards (Corea), en recoñecemento ao modelo urbano.

Asemade, o modelo de cidade de Pontevedra ten servido de inspiración a outros moitos concellos e cidades de diversos puntos da Península ibérica e de outros países que a visitan, ou convidan a seus representantes a Encontros e Congresos nos que poder coñecer de primeira man as súas propostas.
Por outra banda, tívose en conta a relación do proceso vivido en Pontevedra nos últimos anos coas ideas que Francesco Tonucci vén sementando dende hai tempo no sentido de que cando a infancia está na rúa a cidade vólvese máis segura, xa que a presenza das crianzas estimula a corresponsabilidade das persoas adultas que están máis atentas ao que acontece, prestando axuda ou cobertura ante as necesidades que poidan acontecer.
Repensar a cidade, querela dun xeito diferente, adaptada a todos (mesmo aos nenos), é unha necesidade urxente. Non se trata de volver para atrás, nin de esperar que volva o ambiente romántico das vilas pequeniñas ou dos barrios de hai 40 ou 50 anos, senón de prepararse para un futuro distinto que non estea controlado exclusivamente polo mercado, nin dominado polos coches nin tampouco polo imparable desenvolvemento dos servizos.
Trátase de pensar unha cidade menos embarullada e máis sinxela, onde todos os cidadáns conten máis.
A cidade de hoxe é unha cidade que se deixa asoballar polos coches, polo seu ruído, polos seus fumes e polas súas vibracións…
…Repensar a cidade implica ter un proxecto de futuro e, como din os ecoloxistas, traballar por un desenvolvemento sostible. Un desenvolvemento que non sexa nin dependente nin egoísta, e que atope en por si forza e enerxía dabondo como para asegurar o seu futuro e máis o de vindeiras xeracións… Do mesmo xeito os cidadáns deben volver atopar a capacidade de solucionar os problemas a través do consenso, do compañeirismo e da colaboración, e non agardar ola intervención das autoridades responsables.
Repensar a cidade quere dicir preparar un futuro no que teñamos ganas e posibilidades de cavilar no benestar e na calidade de vida… (Francesco Tonucci, 1997. A cidade dos nenos).


Resultados


A experiencia vivida é valorada desde o departamento dun xeito moi satisfactorio tanto polo éxito que supuxo no referente á asistencia, tanto de alumnado e profesorado do noso centro como por parte de profesorado da nosa familia profesional doutros puntos de Galicia que nos acompañaron.
Unha mención especial merece a implicación das persoas da nosa comunidade educativa, profesorado e alumnado, que participou na comisión organizadora facendo posíbel que o encontro fora un éxito.
Entre outros aspectos positivos destácase a posibilidade de continuar organizando os Encontros de xeito cooperativo coa Facultade de Ciencias da Educación. A participación da UVigo, ademais de permitírmonnos ter aceso ás instalacións do Salón de Actos Marie Curie, permitiunos emitir o evento en streaming, quedando os documentos audiovisuais albergados no servidor da mesma.

O encocontro nos medios

20/03/2019: O modelo de cidade de Pontevedra protagonizará os III Encontros sobre 'A educación dende o compromiso co territorio' (duvi. Diario da Universidade de Vigo)

05/04/2019: Un encontro universitario en Ourense sobre educación e territorio céntrase no modelo urbano pontevedrés (Faro de Vigo)

05/04/2019: Pontevedra, protagonista do III Encontro A educación dende o compromiso do territorio no campus de Ourense (PGB Por Galicia baixo)

Vídeos do Encontro