Centro de interpretación do xogo popular e tradicional
Centro de interpretación do xogo popular e tradicional (CIXPT) nexo de unión coa comunidade
Este proxecto xurde no curso 2013-2014 no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade, coa colaboración do Departamento de Formación e Innovación do profesorado, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca, e logra implicar ao alumnado de todos os ciclos formativos da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.
Parte da consideración do xogo como nexo de unión coa comunidade para facilitar a interacción do alumnado coas persoas destinatarias coas que vai traballar. Deseñando propostas e convidando a xogar, o alumnado podería ir tendo experiencias enriquecedoras para a adquisición das competencias profesionais, persoais e sociais.
Por outra banda, asume un compromiso coa comunidade na transmisión do patrimonio material e inmaterial e permite a metodoloxía de aprendizaxe por proxectos e aprendizaxe servizo.
Por estes fins foise creando unha xogoteca, que medra cada ano, e que xestiona os seus fondos a través da biblioteca.
A colección da xogoteca tamén está dispoñible para o préstamo a entidades colaboradoras co noso centro a través da formación en centros de traballo e para aquelas outras, que sen ánimo de lucro, queiran contribuír a difusión do noso patrimonio material e inmaterial.
Consulta do catálogo:
As persoas interesadas poden acceder ao catálogo da biblioteca e consultar os fondos dispoñibles da seguinte forma:
Xogoteca
En: CDU 796.2
Retirada en préstamo:
O procedemento para a retirada dos fondos require cubrir un Formulario de solicitude de xogos que implica asinar un acordo no que se asumen os seguintes compromisos:
- A utilización dos xogos será con fins non lucrativos de carácter cultural, educativo, social ou lúdico.
- Garantirase o bo uso e supervisión na utilización dos mesmos por parte da entidade solicitante do préstamo
- A reparación ou substitución de calquera xogo ou parte do xogo no caso de perda ou deterioro. En todo o caso a reparación ou substitución deberá responder a criterios de calidade.
- No caso de accidente producido nos traslados ou utilización dos xogos por parte da persoa solicitante ou algunha das persoas participantes na actividade organizada pola solicitante a responsabilidade é da persoa solicitante. A dirección do CIFP Portovello nin o profesorado encargado da xestión do préstamo serán responsables no devandito caso.
- Indicarase nos medios de comunicación a través dos que se difunda a actividade a colaboración do CIFP Portovello.
- A retirada e devolución dos xogos será responsabilidade da entidade solicitante dentro dos prazos sinalados.
Aquelas persoas que estean interesadas poden solicitar máis información sobre o préstamo no teléfono 988 78 89 14, solicitando falar co Equipo da biblioteca.