
Conceden o premio de innovación na FP ao proxecto "Uso de tecnoloxías de realidade virtual e aumentada en aplicacións de selección de persoal"
Persoa de referencia: Sabela Fraga Domínguez
O proxecto “Uso de tecnoloxías de realidade virtual e aumentada en aplicacións de selección de persoal” resultou premiado na convocatoria 2023 de premios a proxectos de innovación na FP.
O propósito principal do proxecto céntrase no desenvolvemento dunha metodoloxía de ensino-aprendizaxe, baseada na combinación da ensinanza a través do xogo e a gamificación, centrada no deseño dunha aplicación virtual en 3D no que o alumnado, dun xeito ameno, adquirirá as bases para superar un proceso selectivo de persoal. Así, a través do uso das tecnoloxías de realidade virtual, mediante o emprego das gafas de realidade virtual (RV), o alumnado logrará situarse fóra da súa zona de confort expoñéndose do xeito máis realista posible ante situacións que pode atopar nun proceso de selección de persoal real.
Trátase dunha proba destinada, fundamentalmente, a que o alumnado, nunha empresa real, colaboradora no proxecto, pase un proceso de preselección de cara a acadar un destino final que é conseguir chegar á entrevista final para un posto de traballo ofertado. É, por tanto, unha ferramenta que, utilizada, no terreo educativo, busca fomentar a resolución de problemas e o razoamento crítico, e na que o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe.
O CIFP Portovello, desde o Departamento de Administración e Xestión en colaboración co Departamento de Formación e Orientación Laboral e o Departamento de Comercio e Márketing, participa coma centro coordinador, contando coa colaboración dun equipo multidisciplinar:
• CIFP A Carballeira (Ourense). Curso de especialización no desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual
• Ideit, SL. Asesores informáticos con ampla experiencia no sector.
• Ignacio de las Cuevas, SA (Grupo Cuevas). Empresa na que se levará a cabo a aplicación para os seus procesos de selección de persoal, e se farán as probas que se consideren nas súas instalacións co alumnado de ambos centros, tanto o centro coordinador coma o colaborador.