
Conceden o premio de innovación na FP ao proxecto "Nova olivicultura galega: AOVE galego de calidade”. O CIFP Portovello participa como centro colaborador
Persoas de referencia no CIFP Portovello: Ana Feijóo Ruiz e Diego Pereiro Salgueiro
O proxecto pretende a creación de recursos didácticos que contribuirán á formación do alumnado co fin de asentar as claves do cultivo e o proceso de extracción dun aceite de oliva virxe extra (AOVE) de calidade, que faciliten a aprendizaxe nun entorno virtual.
Elaboraranse tres guías interactivas sobre o cultivo do olivo, a elaboración do aceite de oliva e a cata. Buscaranse tamén estratexias novidosas de comercialización, e ao mesmo tempo fomentarase o desenvolvemento rural, propiciando no alumnado o espírito emprendedor.
O proxecto será coordinado polo IES O Ribeiro e como centros colaboradores contará co IES de Vilamarín, o CIFP Compostela e o CIFP Portovello.
Alumnado e profesorado do departamento de Comercio do CIFP Portovello, CS Xestión de Vendas e Espazos comerciais (presencial) e CS Xestión de Vendas e Espazos comerciais (Dual), participarán no proxecto colaborando no desenvolvendo das seguintes actividades:
- Deseño e marketing da Guía básica interactiva de labores culturais do oliveiral galego.
- Deseño e marketing da Guía interactiva do proceso de elaboración do aceite de oliva.
- Deseño e marketing da Guía interactiva de análise sensorial. Recetario con AOVE.
- Estudo das canles de comercialización do AOVE galego. Coa colaboración da Asociación de Productores de Aceite e Aceituna de Galicia.
- Elaboración dun plan de marketing para o sector do AOVE galego. Coa colaboración da Asociación de Productores de Aceite e Aceituna de Galicia.
- Difusión do proxecto e dos resultados. Publicación en redes sociais, medios de comunicación de masas (radio, prensa e televisión), revista de difusión técnica do sector alimentario.
O proxecto botou a andar no terceiro trimestre do curso 2022-2023 coa elaboración do plan de marketing, da man do alumnado do CS de Xestión de Vendas e Espazos comerciais (presencial). Durante o primeiro trimestre do curso 2023-2024 desenvolveranse o resto de actuacións.